Galego

Obxecto deste blog
Dentro da lexislación que regula as eleccións aos Consellos Escolares, permítese facer campaña electoral dende o 13 ao 21 de novembro. Neste blog quero manifestar as miñas intencións ao presentarme como candidato a representante dos pais neste órgano de goberno do centro.
Por outra banda, no caso de saír elixido, deixaría este blog aberto e poría un resumo de cada unha das reunións ás que asista para que teñades coñecemento do que se falou.
Quen son?
O meu nome é Juan Luis García Díaz e levo vivindo en Betanzos dende febreiro do 2002. Os que me coñecedes sabedes que son natural de Granada. A verdade é que estamos afincados nesta vila e non temos a intención de marchar de aquí.
Dedícome á docencia. Son funcionario do Corpo de Profesores de Ensino Secundario pola especialidade de matemáticas e teño o meu destino definitivo nun centro de adultos preto de Betanzos.
Naturalmente, teño un fillo que é alumno do CEIP Vales Villamarín de Betanzos, está en 2º de primaria.
É independente esta candidatura?
Si.
Quero deixar claro que son socio do ANPA Brigantium pero esta candidatura non está ligada á devandita asociación. O máis normal sería que, como pais que somos, compartise con eles a maioría das opinións relacionadas coa educación dos nosos fillos, pero pode ser que nalgúns puntos non coincidamos.
Por que me presento a estas eleccións?
Como pai, considero que a educación do meu fillo é a mellor herdanza que lle podo deixar. Dado que a escola é unha parte importante dentro dese proceso, penso que, na medida do posible, sería interesante coñecer dende dentro o funcionamento do centro para poder colaborar en que todo vaia o mellor posible.
Os pais somos os responsables da educación dos nosos fillos e a nosa opinión conta moito de cara á Administración. Non quero deixar pasar a oportunidade de poder colaborar con iso.
Que criterios vou seguir para tomar as miñas decisións?
Intentarei aplicar o sentido común, intentarei sempre sumar e non restar, intentarei respectar a parcela de cada un para que a nosa teña ese trato. Tamén intentarei ser consciente das opinións da maioría dos pais para que o meu voto sexa representativo da realidade.
Que vos pido?
Imaxino que xa o saberedes, o voto. Se presento esta candidatura non é porque non saiba que facer no meu tempo de lecer, que é pouco, senón porque quero poder achegar o meu humilde graniño de area neste órgano tan importante.